|
O BAILE DE ARDEBULLO
ARTE: Teatro e música
ESTILO: Grandes orquestras
FORMATO: Nucha e Mucha + Ardebullo Bin Ban Orquestra
O Baile de Ardebullo é un espectáculo nunca visto: unha noite de festa, baile e recordos onde o mellor humor das cantareiras de Ardebullo (Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro) se mestura coas mellores cancións das orquestras galegas de sempre.
O Baile de Ardebullo pretende recrear o antigo espírito das verbenas e das salas de festas, cando o día do baile era unha data sinalada, unha ocasión única para facer trasnadas, estrear o saio novo ou namorarse. No papel de mestras de cerimonias, Nucha e Mucha comparten escenario coa Ardebullo Bin Ban Orquestra, unha banda inspirada nas grandes orquestras galegas dos anos 60, 70 e 80, como Los Satélites, Los Trovadores ou a Orquestra Finisterre.
El triste papel, Papá y mamá, La casa de Fernando, Mi tierra gallega… só son algunhas das cancións incluídas no repertorio de O Baile de Ardebullo, cheo de sonidos míticos e no que tamén hai sitio para swings de Glen Miller, mambos, e os temas máis coñecidos de Andrés do Barro ou Los Tamara. A Ardebullo Bin Ban Orquestra está formada por 12 músicos galegos: cinco na sección de vento, catro na sección rítmica e tres vocalistas, incluído o mítico Sito Sedes, cantante de Los Satélites. |
|

 |