|
SÉS
ARTE: Música
ESTILO: Blues - Rock - Latina
FORMATO: Formación de 11 músicos
Dos coros africanos aos ritmos ska, do blues á pachanga, de Aretha a Janis, da Habana a Budapest… SÉS é unha descarga de ritmos e sons cun denominador común: as boas vibracións. Unha banda de dez músicos con sección de vento e coros, un feixe de temas orixinais cantados en galego e unha vocalista que canaliza toda a enerxía do escenario: María Xosé Silvar, autora de todas as cancións, lidera SÉS cun torrente de voz imposible, espontánea e chea do eclecticismo máis festeiro e bailable.
Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galicia con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos coma Zënzar, AiraPro produce o primeiro álbume de María Xosé Silvar (ou SES, como lle chaman “na casa”), con temas propios e acompañada dunha banda de músicos profesionais. Un proxecto en feminino no que o carácter, a forza e a creatividade de María Xosé rompe o molde da muller na música galega.
Os músicos que completan SÉS son David Paz --que ademais de tocar o saxofón e o clarinete, é o produtor musical de SÉS e responsable, xunto con María Xosé Silvar, dos arranxos dos temas--, Tito Calviño na guitarra, Pablo Cedeño no baixo, Miguel Queixas á batería, Jose Rodriguez no saxo, Moncho Ces á trompeta, Cristian Leggiero no teclado e Aixa Romay, Lucía Souto e Carla Álvarez nos coros.
|
|

 |