Touriñán: "Estou contento porque xa pasou o primeiro"

O director e presentador de Tourilandia, o novo programa que a TVG lanza este xoves, respondeu esta mañá no Airapro Conversas ás preguntas dos internautas poucas horas despois da primeira gravación, que verá a luz co adestrador galego David Vidal como convidado



Despois dunha eterna pero divertidísima gravación, o primeiro programa de Tourilandia xa está preparado para a súa emisión, este xoves a partir das 22.00 horas na Televisión de Galicia. Con dor de pernas e bastante sono, Xosé A. Touriñán, presentador e director da produción de CTV para a canle autonómica, achegouse esta mañá ás instalacións de Airapro Producións para contestar ás preguntas dos internautas nunha nova edición do Airapro Conversas.

Sobre o pasado máis recente, o da gravación da pasada noite en Santiago, Touriñán asegurou que as primeiras veces non son sempre as mellores, pero recomendou á xente "que o vexa, para poder opinar e así facer un programa adaptado a todos os gustos". O actor cullerdense amosouse contento por superar a primeira gravación e facelo con boas sensacións. Aproveitou ademais para avanzar algúns dos nomes que este xoves estarán presentes en Tourilandia, como a cantante Sés, o adestrador David Vidal, ou os actores Morris, Pico, Alfonso Agra e Josito Porto.

Un dos momentos máis agardados da conversa chegou coa pregunta sobre un posible convite de Roberto Vilar, o presentador de Land Rober, o programa que ocupou ata o pasado ano a noite dos xoves na TVG. Touriñán quixo despexar dúbidas, e asegurou que non só lle gustaría convidalo a Tourilandia, senón que de feito "xa está convidado".

No aspecto máis personal, Touriñán desvelou algunhas curiosidades, como que de pequeno quería ser futbolista, ou que con quen máis pode rir é coa súa filla. Ademais, e preguntado sobre os proxectos nos que tiña previsto participar neste ano, avanzou algunha peza máis de Era Visto e mesmo algunha que outra sorpresa.

"Mucha e Nucha volverán a Sala The Star pronto"
Foi un dos grandes titulares da conversa. Logo da despedida do pasado mes das Cantareiras de Ardebullo no que levaba sendo o seu papel no Luar da TVG durante catro anos, Touriñán asegurou que Mucha e Nucha non tardarán demasiado en volver, e cuestionado sobre unha actuación na Sala The Star, baraxou a posibilidade para un futuro próximo.

Rematando con Tourilandia, Xosé A. Touriñán recordou que a web do novo programa lanzarase no mesmo momento da emisión, ás 22.10 horas deste xoves, e situarase na rede baixo o dominio de www.tourilandia.com

+ | Repasa a conversa completa con Touriñán