O programa contará cunha páxina web exclusiva, na que terán cabida todos os vídeos do programa ademais de contidos extra producidos especificamente para internet. A costante conexión coas redes sociais e particiáción da audiencia serán claves no programa de Touriñán
Ser tourilandés é tamén estar ao día en novas tecnoloxías e internet. Baixo esta premisa este xoves ás 22.00 horas non só nace na TVG o novo programa de Xosé A. Touriñán, tamén se estréa na rede a súa propia páxina web: un caixón feito á medida de Tourilandia, para ofrecerlle aos seus seguidores decenas de contidos exclusivos cada semana.
A web integrará todo o que aconteza no programa, desde os vídeos cos mellores momentos de cada xoves ata un videoblog ou entrevistas ao outro lado das cámaras. Será unha plataforma de contacto perfecta entre o público e a televisión, pero tamén un medio de comunicación constante para recoller o talento da audiencia. A través da páxina web será posible formalizar a solicitude para asistir como público, ou mesmo participar dalgunhas seccións nas que a presenza do público ao outro lado farase imprescindible.
Twitter, Facebook e YouTube serán as tres plataformas sociais nas que o equipo de contidos dixitais de Tourilandia volcará toda a información relativa ao programa a partir do comezo das emisións este xoves. Estas redes pretenden ser un foro aberto ás sensacións que suscite a república fundada por Touriñán.
De feito, e nas súas primeiras semanas de vida, case cincocentas persoas interactúan xa co equipo de Tourilandia a través da páxina en Facebook e o perfil en Twitter do programa.




