'Los sustitutos', da compañía granadina Niumpaloal'Arte, en Carral

A programación de entroido na Sala The Star completarase co concerto de Pedrito Diablo y Los Cadáveras, que aproveitarán para presentar disco, e a tradicional festa de disfraces. As entradas para todos os eventos están á venda na Airapro Tenda
A Sala The Star de Carral ultima a programación de entroido co anuncio dun novo espectáculo, nesta ocasión teatral. Chegados de Granada, a compañía Niumpaloal'Arte representará o 18 de febreiro a obra 'Los sustitutos', que está a ter unha sensacional acollida na xira que o grupo andaluz está a desenvolver en toda a península.

Marichu, unha actriz idealista e amante da súa profesión, e Jingo, un actor con medo escénico e cuxa vocación de artista venlle por encherse o estómago, son os compoñentes dunha compañía teatral chamada "Los sustitutos".
Con ésta peculiar compañía dedícanse a viaxar de teatro en teatro coa ilusión de que a obra anunciada falle para poder tomar a alternativa e facer realidade o seu soño, representar o seu número sobre un escenario.

As entradas, xa á venda a través da Airapro Tenda, teñen un prezo de 4 euros no formato anticipado, e poderán adquirirse por 5 euros en taquilla. Este espectáculo súmase á programación de inverno no local rexentado polos actores galegos Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, que conta tamén co monólogo de Pedro Reyes o 3 de febreiro ou o concerto de La Senda de Afra o día 11.