As entradas para ver a Pedro Reyes en Carral, á venda na Airapro Tenda

A plataforma de venda online da produtora ofrece en exclusiva as entradas anticipadas para o monólogo que o coñecido humorista ofrecerá o venres 3 de febreiro na Sala The Star, o local rexentado polos actores Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro na localidade coruñesa

Continúa a programación de humor e música na Sala The Star, o local de espectáculos máis coñecido de Carral, desta volta co monólogo de Pedro Reyes, coñecido polas súas diferentes aparicións en televisión, e autor de textos cómicos que teñen sorprendido ao público en diferentes puntos do país. A cita será o venres 3 de febreiro, contra as 23.30 horas, e con prezos de 7 euros na modalidade anticipada e 10 euros na taquilla, o propio día do espectáculo.

Pedro Reyes chega a Sala con todas as súas dotes preparadas para facer pasar un bo rato a todos aqueles que decidan achegarse ao local rexentado polos coñecidos actores galegos Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, que este inverno programa diferentes eventos relacionados coa música e humor nunha programación que está a ter moi boa acollida entre o público da área metropolitana da Coruña.

De feito, a pasada semana, case un cento de persoas deron ambiente ao local no concerto dos coruñeses de Audio Quatro, que sorprenderon cos seus ritmos frescos e a súa xuventude sobre o consolidado escenario da sala carralesa.

Entradas anticipadas, na Airapro Tenda
Como ven sendo habitual, Airapro habilita a venda de entradas para toda a programación da Sala The Star a través da súa tenda online, na que ademais é posible mercar música, carteis e diferentes agasallos. As entradas para o monólogo de Pedro Reyes están xa a venda ao prezo de 7 euros.