Airapro lanza a páxina web de Tourilandia

Será o punto de encontro para todos os seguidores do programa que, a partir deste xoves, emitirá a Televisión de Galicia cada semana. Xosé Antonio Touriñán, director e presentador do novo programa, participará nun videoblog semanal

Tourilandia non rematará cando os créditos aparezan en pantalla, ao redor da medianoite de cada xoves. É a filosofía coa que o equipo do novo programa, que desde hoxe presenta e dirixe Xosé Antonio Touriñán, traballa para ofrecer unha completa plataforma con contidos exclusivos e os mellores momentos da emisión semanal.

O movemento de Tourilandia na web prepárase sobre tres plataformas, a páxina web, Twitter e Facebook. Ás dez da noite do xoves, co comezo da primeira emisión do programa da canle autonómica, Airapro lanzou un portal feito en exclusiva para complementar os contidos que cada xoves poderán seguir todos os galegos a través da TVG.



Sobre as seccións da nova páxina, o equipo do programa pensou nunha estrutura sinxela e cómoda, na que o usuario poida tanto revisar os mellores momentos de cada xoves como gozar con contidos exclusivos, o chamado backstage, ao longo de toda a semana. Periodicamente, Touriñán gravará un videoblog, un dos apartados estrela da web, no que comentará aspectos relacionados co programa, pero tamén coa súa experiencia particular como director dunha das producións máis agardadas.

Tamén haberá sitio para a interacción dos usuarios, e mesmo a web será unha das fórmulas nas que o público poderá solicitar unha praza na grada para vivir en directo a gravación de Tourilandia. Un apartado de novas completará unha páxina que pretende ser o referente en internet sobre o que este xoves nacerá a nova república gobernada por Xosé Antonio Touriñán.

+ | Web de Tourilandia
+ | Facebook de Tourilandia
+ | Twitter de Tourilandia