"Agora xa está, non hai como escapar. A pasalo ben"

O actor, humorista, e fundador de Airapro, Xosé A. Touriñán, enfróntase ao reto máis importante da súa vida profesional con Tourilandia, o programa que emitirá a TVG os xoves á noite. Nas horas previas á gravación do primeiro programa, compartiu en Twitter as súas impresións

Cando esta noite as cámaras comecen a gravar e os primeiros habitantes de Tourilandia coñezan ao seu máximo mandatario, Xosé A. Touriñán (Culleredo, 1980) verá cumprido o soño de presentar o programa que aspira a ser un dos máis vistos na Televisión de Galicia. A produtora compostelá CTV, encargada da produción do programa coa colaboración de Airapro, levará de novo o mellor humor galego ao Plató 1000 de Montouto a noite do martes, para que o xoves a partir das 22.10 horas todos os telespectadores da canle autonómica poidan decidir se apuntan na súa axenda a cita con Touriñán cada semana.

Desde os seus inicios no teatro escolar de Culleredo, a súa vila natal, até converterse nun dos actores galegos con máis proxección, Touriñán leva participado en ducias de proxectos de teatro (Prestixio, Xacarandaina), radio (Tren do Serán, Radio Galega), Perdelo Todo, Supermartes, Padre Casares, Air Galicia (TVG) ou máis recentemente Land Rober, onde interpretaba ao xa mítico Ricardo.

A principios dos anos 2000, Touriñán formou co seu amigo Marcos Pereiro, tamén cullerdense, o dúo cómico Os Dous de Sempre, co que percorreron bares, verbenas e escenarios de toda Galicia interpretando diversas personaxes, entre as que destacan Nucha e Mucha, as famosas Cantareiras de Ardebullo, popularizadas no programa 'Luar'. En 2007, Os Dous de Sempre abren en Carral (A Coruña) a Sala The Star, convertido xa nun dos mellores locais de espectáculos de Galicia no que programan concertos, monólogos ou teatro.

O salto a Tourilandia data de finais do pasado ano, cando recibe a proposta de presentar e dirixir un novo programa para a noite dos xoves. Acompañado de Belén Regueira, unha das máis experimentadas profesionais do audiovisual galego, comeza a escribir, mantendo o núcleo duro de guionistas de Land Rober, o programa que en dous días chegará a todos os fogares de Galicia.